Esta obra documental, trata de darnos unha perspectiva de cómo mudaron dúas profesións nas que se mesturan arte e oficio. Unha desde o punto de vista da construción e outra desde a visión que proporciona a navegación e pesca. Non sabemos cando naceu a arte ou o oficio, porque o que chega a nós é o resultado.
Dorna:
«Embarcación con quilla alta e cadernas, proa bicuda, roda bastante lanzada, popa en estampa, aparellada con vela relinga a terzo» R.A.G
É posiblemente nos escritos do século XIII , do por aquel entón rei Afonso X, onde aparece a primeira referencia a unha embarcación probablemente de carga e coa que este quería navegar a beiramar, o “dromon”. Aquí podería estar o primeiro uso do que hoxe coñecemos e entendemos por dorna. Unha primeira vez pouco concreta e difusa no paso do tempo, pero primeira á fin e ó cabo. Existen documentos moito máis firmes que datan a dorna no século XVI. Sen embargo, de cándo data o primeiro oficio, ou cál é a primeira creación considerada arte, é pouco menos que irrelevante para o tema que tratamos nesta obra, non exenta de ámbolos dous conceptos. Xa que ó que nos queremos achegar con respecto e rigorosidade é a cando a arte e o oficio dan como resultado a DORNA. Todo un emblema fundamental da nosa cultura.
Si miña señora á i-alba de Arousa beilar,
poñereille, belida, un ventiño no mar.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!Poñereille unha frauta e máis un reiseñor
e unha longa soedade coma a da mar maior.
!A dorna vai e ven,
que meu amor ten!Álvaro Cunqueiro
Arte:
«Conxunto de coñecementos e regras precisas para realizar ben determinadas actividades en que a dimensión práctica ten tanta ou máis importancia ca a teórica» R.A.G
«Capacidade, polo xeral adquirida coa experiencia, para facer ben algo que require certos dotes» R.A.G
Oficio:
«Cargo ou traballo que unha persoa desempeña de maneira habitual» R.A.G
«Aquilo para o que está destinada unha cousa» R.A.G
Nas súas orixes, a dorna, naceu como ferramenta de traballo, humilde, polivalente, singular e versátil. Foron moitos os que comezaron a navegar a remos, a vela e finalmente a motor. E onde moitos se xogaban a vida, outros probablemente a perderon. Un oficio ligado a outro. O da navegación e o da arte da construción. O que remataba co neto, que tamén era fillo, logo sería pai para rematar sendo avó. Un proceso tradicional, artesanal e xeracional.
Xa para rematar, este proxecto, tenta ofrecer unha aproximación ao mundo da dorna a todas aquelas persoas que, sen ser afeccionados ou profesionais dela, queiran coñecer unha parte da historia da nosa cultura marítima e fluvial.